Localmente Lucense, o programa que dinamiza os barrios a través dos negocios de proximidade

LugoXa
Localmente Lucense es un programa que se encargará de dinamizar los barrios de Lugo a través de los negocios de proximidad.
Presentación Localmente Lucense(I)
Presentación Localmente Lucense(I)
18 dic 2021

A rúa Quiroga Ballesteros acolleu na tarde de onte a presentación da nova campaña de dinamización da cidade que pon en marcha o Concello de Lugo baixo o título Localmente Lucense.

Esta campaña nace para impulsar a economía dos barrios de Lugo mediante o fortalecemento e o incentivo da compra nos comercios e na hostalaría de proximidade.

A rexedora avanzou que “o obxectivo é crear o movemento cidadá ‘Son Localmente Lucense’ que abandere un sentimento de orgullo e defensa do noso, da vida dos nosos barrios, porque temos que defendela entre todos sendo conscientes de que a recuperación da economía comeza na porta das nosas casas”. Con este obxectivo, a campaña que durará todo o ano 2022, combinará unha ampla oferta de lecer e entretemento por barrios con formación específica e asesoramento dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten máis atractivos.

Esta campaña que conta cun orzamento de case un millón de euros, enmárcase na Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo que puxo en marcha Lara Méndez para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19.

A campaña divídese en dúas grandes programacións, a primeira é un plan de dinamización que se desenvolverá por cinco zonas da cidade e conta cunha achega de 653.400 euro e, a segunda un plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial que conta con 326.700 euros.

Para unha maior cobertura creáronse cinco agrupacións de barrios como zonas de actuación. Cada área conta cunha imaxe icónica que a representa e que se corresponde con algún elemento arquitectónico moi recoñecible.

A Zona 1 (centro) está formada polos barrios do casco histórico e A Tinería. Esta área, a máis antiga da cidade e rodeada pola muralla romana, aspira a converterse no cuarto patrimonio da humanidade da cidade. A súa icona é unha porta da Muralla Romana.

A Zona 2 (Norte) composta polos barrios de Albeiros, Garabolos, A Milagrosa, Avenida da Coruña e Barrio Feijoo. Estes barrios forman a zona máis multicultural de Lugo, exemplo de convivencia. A súa icona é a Igrexa da Milagrosa.

A Zona 3 (Este). Esta área, que conxuga tradición e modernidade, está formada polos barrios da Cheda, A Ponte, Anxo Carro, A Piringalla, A Residencias, Casás, Louzaneta e O Castiñeiro. A súa icona é a Ponte de orixe romana sobre o río Miño

A Zona 4 (Sur) formada polos barrios de Acea de Olga, Augas Férreas, Fingoi, Montirón, Paxariños, Ramón Ferreiro, Recatelo, San Fiz e San Roque, nesta área teñen as súas casas estudantes universitarios, familias novas que mercaron aquí a primeira residencia e veciños de toda a vida. A súa icona son os pináculos do Parque de Rosalía

A Zona 5 (Oeste). Finalmente, os barrios da Chanca, Paradai, Castelo, A estación, As Gándaras, Fontiñas, Galegos e Sagrado Corazón conforman un importante núcleo comercial, empresarial e de comunicacións. A súa icona é o Viaduto da Chanca.
(Máis información da identidade de cada un dos barrios, na web da campaña: https://localmentelucense.gal/)

A vindeira semana comezarase unha campaña de difusión do plan en todos os barrios.

Actuacións da campaña
Haberá accións de apoio á hostalería e ao comercio da zona a raíz de tardeos, noiteos, con espectáculos musicais, concertos e actividades de entretemento. A finalidade é a de encher de vida estas zonas.

Potenciarase a plataforma de comercio electrónico ofrecendo formación e dixitalización do comercio e a hostalería, con asesoramento e acompañamento nas redes sociais, fomentando a imaxe de marca, o comercio electrónico, o uso de plataformas electrónicas e repartidores locais.

Realizaranse campañas estacionais e en datas sinaladas como Samaín (Halloween), San Valentín, Nadal, rebaixas de inverno e de verán. As campañas consistirán na realización de actuacións de promoción, divulgación e sensibilización, para fomentar o consumo na hostalería e as vendas nos comercios.

Ofrecerase formación e asesoramento “in situ” sobre escaparatismo-iluminación e packaging a un mínimo de 100 establecementos comerciais/ hostaleiros interesados por zona de actuación.

Outro plan de acción é a organización de mercadiños nas rúas fomentando a dinamización dos barrios. Estes mercadiños desenvolveranse con carácter trimestral en cada zona de actuación, sendo catro os mercadiños para realizar por cada zona. Para amenizar a celebración dos mesmos, promoveranse durante os días da súa celebración a organización de concursos, con premios, así como diferentes actividades infantís: obradoiros, actuacións teatrais e musicais dirixidas ás crianzas.

Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial
Co obxectivo de revitalizar o tecido empresarial e apoiar aos emprendedores, desenvolverase un plan de acción, cuxos eixos principais serán os viveiros municipais do Cei Nodus e da Tinería. Trátase de que os viveiros municipais se convertan en centro de desenvolvemento de negocios, fomentándose os encontros co tecido empresarial xa consolidado, así como canalizando sinerxías, de interese para todos os emprendedores e empresarios. Este plan inclúe actividades de formación para a difusión da cultura emprendedora e a consolidación empresarial. Faranse actividades de networking e actuacións específicas para o empoderamento empresarial como a realización de almorzos de negocios, xornadas de portas abertas nos viveiros de empresas, o día internacional do emprendemento, cinema ao aire libre.

Dentro do plan de fomento do emprendemento e consolidación tamén se levarán a cabo accións de dinamización específicas para o desenvolvemento económico e social do barrio da Tinería con actuacións musicais con grupos locais, eventos gastronómicos con concursos de tapas e de pratos orixinais, recreacións históricas de tal forma que participen os establecementos de artesanía, salóns de peiteado, etc. Actividades infantís. Ademais, faranse Estudo-Campañas de márketing e venda cruzada para fomentar o incremento de vendas nos viveiros municipais do Cei Nodus e A Tinería.

Organizaranse mercadiños, elaborarase un estudo específico sobre a zona rural do municipio.

Como colofón destas actuacións, organizarase un congreso internacional na cidade de Lugo relacionado co emprendemento, buscando que sexa un referente no que expor novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais e aos que poden chegar a ser, para que aproveiten as oportunidades da contorna local a través dun emprendemento sostible.

Tralo acto de presentación, tivo lugar unha sesión vermú co DJ Fetén, e xa en horario de tarde tivo lugar unha sesión de maxia co Mago Roberto Lolo, un concerto de Carta de Ajuste e a actuación dos DJ’s Marcos Peón e Fresno.