Lois Pérez e Luz Darriba impulsan unha plataforma contra o transfuguismo en Lugo

O escritor Lois Pérez e a artista Luz Darriba veñen de crear a plataforma cidadá Transfuguismo NON / Democracia SI, unha iniciativa que xorde como resposta á posible moción de censura que o Partido Popular de Lugo, xunto coa concelleira non adscrita María Reigosa, podería presentar contra o actual goberno local.
O colectivo dará a coñecer a súa postura este mércores ás 17:00 horas nunha rolda de prensa que terá lugar na Praza Maior, diante do Concello de Lugo. Ademais, está prevista unha concentración no mesmo espazo o venres ás 19:00 horas co obxectivo de explicar á cidadanía os motivos e fins desta iniciativa.
Lois Pérez criticou con dureza os movementos políticos que desembocan nesta posible moción de censura, cualificándoos de afastados da exemplaridade democrática e sen apoio social real na cidade. O autor defende que o actual goberno municipal, formado por BNG e PSOE, está a impulsar cambios positivos en Lugo e acusa ao Partido Popular de promover unha volta a prácticas políticas que, ao seu xuízo, suporían un retroceso para a cidade.