Lois Pérez gaña o V Premio Agustín Fernández Paz
O Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia comunicaron durante o acto de entrega do IV Premio Agustín Fernández Paz a Iria Misa, de que xa hai gañador da nova edición, o V Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, e este é o lucense Lois Pérez Díaz e a súa obra A Gruta da Torre presentada baixo o lema ou seudónimo de Un peso sempre se gastou.
O xurado estivo formado por Iria Misa Peralba, gañadora do premio 2020, Manuel Bragado Rodríguez e Xosé Lastra Muruais.
O xurado salienta da obra gañadora o interese da trama que se desenvolve no verán de 1990 en Ribadeo en espazos recoñecibles así como polo seu carácter como historia de formación protagonizada por un grupo diverso de rapaces e rapazas que emprenden unha viaxe de descuberta seguindo o fío das viaxes nos libros e na memoria. Escrita con mestría, empregando diversos recursos e rexistros, a novela mantén un pulso narrativo que non decae.
Lois Pérez, nado en Lugo en 1979, é mestre e contador de historias, e o centro da súa actividade artística é a narración oral e a escrita. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 un dos premios de Teatro Radiofónico da Radio Galega, coa obra "Saltimbanqui", dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada por este canda Xan Cejudo e Xosé Olveira Pico, publicada en libro-cd (Xerais, 2008).
En 2013 publicou "LP", o seu primeiro poemario, editado por Emerxente. Foi colaborador do grupo de teatro Pinchacarneiro, da Fundación Anade para persoas con diversidade funcional e ocasionalmente exerce de cronista do rock and roll para a revista "Ruta 66" e como locutor radiofónico nocturno para openradio.es. Colabora coa Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e no eido do ensino traballou e coordinou diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles (2008, 2009, 2010 e 2011) por organismos oficiais e institucións diversas. "Long Play" (2017) é o seu primeiro libro de poemas en Xerais.