López Campos trata os cambios da Lei de Patrimonio Cultural coa alcaldesa de Rábade

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo unha xuntanza coa alcaldesa de Rábade, Remedios González, coa que abordou cuestións das áreas da súa competencia de interese para este concello lucense.
Deste xeito, o encontro permitiu analizar posibles colaboracións en materia de programación e infraestruturas culturais, e afondar coa rexedora lucense na adaptación da Lei do Patrimonio Cultural, sobre a que lle trasladou que suporá unha xestión máis áxil e eficaz dos bens patrimoniais dos concellos.
Neste senso, o representante da Xunta explicoulle que as modificacións previstas na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia permitirán reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais.
Neste senso, cómpre subliñar que a Xunta de Galicia é a única administración autonómica que actualmente informa dos bens de todo o territorio con independencia de cal sexa o seu grado de protección, o que supón a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.