O Motoclub Lóstregos-Lvcvs prepara unha nova aventura sobre dúas rodas para este sábado 21 de xuño de 2025, coa celebración da sétima edición do Desafío Lóstrego, unha ruta mototurística pensada para descubrir a fondo os segredos mellor gardados da Mariña Lucense.
Esta nova edición afástase da costa para adentrarse no corazón montañoso desta comarca do norte de Lugo, cun percorrido que promete paisaxes espectaculares, cultura e emoción en estado puro.
A ruta, de 320 quilómetros e apta para todo tipo de motos a partir de 125 cc, desenvolverase principalmente por estradas asfaltadas en bo estado. A saída e a chegada terán lugar, como vén sendo tradición, na cidade de Lugo.
Os participantes deberán vestir roupa axeitada para circular en moto, pero tamén cómoda para camiñar, xa que moitos dos puntos de interese incluirán paseos curtos a pé para acceder a miradoiros, fervenzas ou outros lugares emblemáticos.
Cada motorista recibirá un track da ruta compatible con navegadores GPS e Google Maps, co que poderá seguir os distintos puntos de control ou “waypoints”. Alí, terán ocasión de baixarse da moto e mergullarse no patrimonio natural e cultural da Mariña, cun itinerario que inclúe covas misteriosas, miradoiros de altura, fervenzas lendarias e outras xoias escondidas do territorio.
Como broche final, xusto antes da volta a Lugo, os participantes poderán lanzarse pola tirolina máis longa de Galicia, unha experiencia única que promete emocións fortes para poñer fin á xornada.
O día comezará ás 08:00 horas na Cafetería As Gándaras, onde se servirá o almorzo e se ofrecerá o briefing inicial. A saída será escalonada por grupos e a comida terá lugar no restaurante A Cancela, en Morás. A xornada culminará arredor das 21:00 horas, de novo en A Gándaras, cunha cea de confraternidade na que se entregarán premios especiais á moto chegada dende máis lonxe, á de menor cilindrada e outras sorpresas.
O Desafío Lóstrego celébrase baixo o espírito Slow Rider, unha filosofía de condución tranquila e consciente, que invita a gozar do camiño, dos aromas, das cores e da historia de cada lugar atravesado. Ademais, esta ruta é puntuable para o Campionato Galego de Mototurismo da Asociación de Grupos Moteros Galegos (AGMG).
As persoas interesadas en participar nesta aventura única pola paisaxe lucense poden inscribirse chamando ao 619 98 78 09.