Lourenzá celebrará un Pleno extraordinario para tratar a situación que atravesa Muebles Hermida

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A corporación municipal de Lourenzá celebrará un Pleno extraordinario o vindeiro luns, día 2 de decembro, ás 20.
30 Nov 2019

A corporación municipal de Lourenzá celebrará un Pleno extraordinario o vindeiro luns, día 2 de decembro, ás 20.30 horas para tratar a situación que atravesa a empresa local Muebles Hermida.

A alcaldesa, Rocío López, explicou que a sesión plenaria do luns será “para tratar a grave situación que está atravesando a empresa Muebles Hermida e, como consecuencia, os seus traballadores. Os tres partidos políticos que formamos a corporación municipal chegamos a un acordo unánime de facer este pleno extraordinario para mostrar o noso apoio a todos os traballadores e ao comité de empresa na súas reivindicacións, si ben non podemos deixar de lado que se trata dun problema no que debemos ir conxuntamente todos da man para intentar chegar á mellor situación tanto para e empresa como para os traballadores”.

A rexedora municipal destacou que esta situación “ten unhas repercusións moi importantes para a nosa localidade, na economía e no día a día do concello de Lourenzá. Entón nesa sesión do vindeiro luns poñerase sobre a mesa ese apoio e todas as ideas dos tres grupos que formamos a corporación. E todo o que se acorde nese pleno enviarémolo ás distintas institucións, tanto Xunta de Galicia como Deputación Provincial e todos organismos que consideremos, intentando tamén implicalos dalgunha maneira e que nos ofrezan algunha medida ou solución e un apoio para os traballadores e a empresa”.

Ademais Rocío López estivo na concentración convocada polo comité de empresa para interesarse pola situación que atravesan os empregados de Muebles Hermida. E tamén reuniuse cun dos responsables da empresa para “coñecer de primeira man os problemas que está atravesando a firma e cales poden ser as posibles solucións”.

A alcaldesa engadiu que “ambas partes, empregados e empresa, son conscientes da gravidade da situación e da necesidade de buscar unha solución canto antes. É unha cuestión na que todos (grupos políticos, comité, traballadores...) debemos tentar remar nunha mesma dirección para que isto se solucione e os traballadores, que sempre son os máis prexudicados, salgan disto da mellor maneira posible. A unión entre as forzas políticas é de vital importancia á hora de buscar apoios noutras administracións, como Xunta de Galicia ou Deputación Provincial, xa que só así se pode conseguir o apoio e a axuda que precisamos neste momento. Tratase dun problema que é noso, de tod@s, e que afecta de xeito considerable ao noso municipio, á súa economía, ó comercio... e ao día a día en si. Por iso debemos tentar buscar a mellor solución posible”.

0.20118808746338