Lugo abordará a violencia dixital contra as mulleres nunha xornada de Alar Galicia

LugoXa
O encontro celebrarase o 18 de novembro na Delegación Territorial da Xunta e reunirá sete profesionais para analizar o acoso en internet, as redes sociais e os recursos de intervención
edificio-delegación-Xunta-Lugo
8 Oct 2026

A violencia dixital será o eixo central das VI Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero, organizadas por Alar Galicia, que se celebrarán o próximo 18 de novembro na Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

O encontro reunirá sete profesionais de diferentes ámbitos vinculados á prevención e atención da violencia de xénero, que achegarán as súas experiencias e coñecementos ao longo dunha mañá dedicada a analizar as distintas formas que pode adoptar a violencia no ámbito dixital.

As xornadas desenvolveranse entre as 9:00 e as 14:15 horas e estarán estruturadas en tres mesas redondas. A primeira centrarase no acoso e a violencia dixital e contará coa participación do director xeral contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e de Graciela Pérez, integrante do Equipo de Muller e Menor da Garda Civil.

A segunda mesa poñerá o foco na violencia exercida a través das redes sociais. Nela intervirán Encarna Iglesias, presidenta da asociación Stop Violencia de Xénero Dixital, e Eleonora Espósito, investigadora e experta nacional destacada na Dirección Xeral de Redes, Contidos e Tecnoloxía das Comunicacións da Comisión Europea.

O programa rematará cunha análise das ferramentas e recursos dispoñibles para intervir ante este tipo de situacións. Nesta mesa participarán as psicólogas Silvia Otero, do programa Atenea de Alar Galicia, e Paula Castro, da área de violencia machista de Aliad Ultreia, xunto coa traballadora social de Cáritas Diocesana de Lugo Cristina Reguero.

A presentación das xornadas contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; o director de Alar Galicia, Fernando González; e o director territorial da Consellería de Política Social e Igualdade, Óscar Viñas.

Villares destacou o papel destas iniciativas para aumentar a sensibilización social ante os riscos asociados á ciberviolencia. Neste contexto, lembrou que iniciou a súa tramitación parlamentaria a futura Lei de Medidas Integrais contra o Acoso e a Violencia Dixital de Galicia, destinada a reforzar a sensibilización, prevención e detección destas formas de violencia, así como a protección e o apoio ás persoas afectadas.

As persoas interesadas en participar nas xornadas poden inscribirse contactando con Alar Galicia nos teléfonos 982 243 316 e 608 803 171 ou a través do correo electrónico alar.galicia@alar-galicia.es.

0.11198997497559