Lugo abre a licitación para renovar o firme en Fontiñas e Mariña Española cun investimento de preto de 97.000 euros

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou a apertura do proceso de licitación para renovar o firme na Avenida das Fontiñas, entre os números 254 e 310, así como na rúa Mariña Española, no tramo comprendido entre Ramón Ferreiro e a rúa Armórica.
Segundo explicou Arroxo, trátase de zonas con gran desgaste no pavimento, o que fai necesaria unha intervención urxente para garantir a seguridade viaria e mellorar o estado dos espazos públicos, ao tempo que se avanza na instalación de elementos de calmado do tráfico.
O responsable da Tenencia de Alcaldía subliñou que esta actuación forma parte dunha planificación continua baseada nas visitas aos barrios e nas demandas da veciñanza, co obxectivo de mellorar a calidade dos espazos urbanos. As obras contemplan a colocación dunha nova capa de rodadura con mestura asfáltica en quente e a renovación da sinalización horizontal unha vez rematados os traballos. Ademais, na rúa Armórica instalarase un novo elemento de calmado para reforzar a seguridade.
O proxecto conta cun orzamento base de 96.798,98 euros e un prazo de execución de 12 semanas. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 20 deste mes.
Arroxo sinalou que a execución das obras está planificada para aproveitar as condicións climáticas favorables propias desta época do ano, un factor clave para garantir a durabilidade e calidade do novo firme.