Lugo abre en setembro o prazo de inscrición para os cursos de natación e deporte para maiores

LugoXa
As solicitudes para as actividades nas piscinas de Frigsa e As Pedreiras poderán presentarse entre o 8 e o 11 de setembro
Cursos-de-natación-piscinas-de-Frigsa-Lugo
13 Aug 2026

O Concello de Lugo abrirá durante o mes de setembro o proceso de inscrición para os cursos de natación correspondentes ao último trimestre do ano, unha oferta dirixida tanto á infancia como á poboación adulta nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras. Tamén se habilitará o prazo de matrícula para o programa de actividade física destinado ás persoas maiores de 65 anos.

As persoas interesadas en participar nos cursos de natación poderán solicitar praza entre os días 8 e 11 de setembro na instalación elixida. O trámite deberá realizarse directamente na piscina de Frigsa ou na de As Pedreiras durante o horario habitual de apertura. O último día do prazo, o 11 de setembro, as solicitudes só se admitirán ata as 14.00 horas.

A asignación das prazas realizarase mediante sorteo público, previsto para o 16 de setembro ás 10.00 horas na piscina de Frigsa. Os listados coas persoas admitidas publicaranse ao día seguinte nos taboleiros de anuncios das dúas instalacións municipais.

Unha vez coñecidos os resultados, o período de matrícula desenvolverase entre os días 17 e 23 de setembro. Todos os trámites deberán realizarse na piscina de Frigsa, independentemente de que o curso escollido se desenvolva nesta instalación ou na das Pedreiras.

As vacantes que poidan quedar dispoñibles tras a matrícula inicial ofreceranse os días 24 e 25 de setembro ás persoas que non obtivesen praza no sorteo e, posteriormente, ao resto de interesados.

Pola súa banda, o programa “Deporte para maiores de 65 anos” contará cun sistema de matrícula directa. As inscricións poderán formalizarse entre o 14 e o 18 de setembro na piscina municipal de Frigsa.

0.13385987281799