Lugo abrirá as instalacións deportivas dos centros educativos aos clubs fóra do horario lectivo

A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou este luns a adhesión ao convenio marco promovido pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, un acordo que permitirá utilizar as instalacións deportivas dos centros educativos fóra do horario lectivo e durante as fins de semana.
A alcaldesa, Elena Candia, explicou que esta medida permitirá incrementar a dispoñibilidade de espazos deportivos para os clubs da cidade, facilitando a celebración de adestramentos e competicións e reducindo a presión que soportan actualmente as instalacións municipais.
Segundo indicou, a decisión chega tras manter reunións coas entidades deportivas, que trasladaron a necesidade de dispoñer de máis horas e espazos para desenvolver a súa actividade. A partir da aprobación do convenio marco, o Concello poderá subscribir acordos individuais cos centros educativos interesados, nos que se determinarán os horarios, instalacións e condicións de uso, garantindo sempre a prioridade da actividade docente.
O Goberno municipal asumirá a organización das actividades autorizadas, así como a limpeza das instalacións tras o seu uso e a colaboración nos gastos de mantemento establecidos no convenio.
Candia defendeu que non tiña sentido manter pechadas instalacións deportivas públicas durante as tardes, as fins de semana ou os períodos non lectivos mentres os clubs demandaban máis espazos para a práctica deportiva. A previsión do Concello é que os primeiros convenios cos centros poidan formalizarse nas próximas semanas.
Impulso á reforma da Protectora de Muxa
Entre os acordos adoptados tamén figura a aprobación do convenio que permitirá executar a reforma e ampliación da Protectora de Animais de Muxa, unha actuación cun investimento total de 744.436,09 euros, financiado a partes iguais entre o Concello de Lugo, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial.
As obras comezarán este verán e desenvolveranse en varias fases ata 2027. O proxecto contempla a legalización e ampliación das instalacións actuais, mellorando os espazos destinados aos animais, a atención veterinaria e a adaptación do centro á normativa vixente.
400.000 euros para conservar as rúas
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou iniciar a licitación dun novo contrato para o mantemento e conservación das vías públicas urbanas, cun orzamento de 400.000 euros, unha contía que o Executivo municipal destaca que duplica a destinada ao contrato anterior.
O servizo dividirase en dous lotes: un primeiro de 250.000 euros, destinado á reparación de beirarrúas e pavimentos urbanos, incluído o Casco Histórico, e un segundo de 150.000 euros, específico para actuacións sobre firmes de formigón asfáltico. O contrato terá unha duración inicial dun ano, prorrogable ata un máximo de tres.
Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén adxudicou por 158.981 euros o contrato para garantir a produción técnica e os servizos do Auditorio Municipal Fuxan os Ventos ás empresas Escoítame Produccións e Thinking Up Events.
Ademais, aprobouse a concesión da cafetería da piscina municipal das Pedreiras á empresa Froxán Cafetería por un período de 15 anos, cun canon mensual de 3.017 euros.
Tamén se iniciou a contratación do subministro de ferramentas para o Cemiterio Municipal de San Froilán, cun orzamento de 3.837 euros, e deuse luz verde á contratación dun préstamo a longo prazo de 17.858.000 euros para financiar investimentos previstos no exercicio 2026.
No servizo municipal de conciliación Aprende Xogando, aprobouse reducir a ratio de atención, pasando dun monitor por cada quince menores a un por cada dez, co obxectivo de ofrecer unha atención máis personalizada.
En materia de persoal, o Concello acordou a cobertura temporal das xefaturas dos Servizos de Persoal e de Participación e Atención Cidadá, aprobou a convocatoria para cubrir a xefatura do Servizo de Urbanismo e deu luz verde ás bases para prover, por mobilidade, tres prazas de Policía Local.