Lugo achega o calendario municipal de 2026 ás parroquias a través do proxecto 'A terra entre as mans'

A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, desprazouse ata Labio para facer entrega ás veciñas e veciños do núcleo do calendario municipal de 2026, unha publicación editada pola área de Participación e elaborada con imaxes procedentes dos fondos do Arquivo Municipal. A edición deste ano leva por título A terra entre as mans e recolle fotografías e documentos históricos vinculados a distintas parroquias do municipio, cunha mirada posta na memoria colectiva e no patrimonio rural de Lugo.
Con esta visita, López dá comezo a unha rolda de encontros polas parroquias que forman parte do proxecto, unha iniciativa que, segundo destacou, “é un gran éxito cada ano e que nos leva a manter un firme compromiso coa visibilización do rural de Lugo e da súa historia”. A concelleira subliñou que esta proposta permite achegar ás veciñas e veciños materiais de gran valor documental e emocional.
A edil fixo especial fincapé no papel das xeracións anteriores e na relevancia do seu traballo, que segue tendo presenza na actualidade, en boa medida grazas á información que achegan as imaxes antigas sobre a vida cotiá, as tradicións e a cultura doutras épocas. López salientou que estas fotografías axudan a comprender mellor a evolución social e cultural das parroquias lucenses.
As persoas interesadas en conseguir un exemplar do calendario poden retiralo nas oficinas da área de Participación do Concello de Lugo.