Lugo achega o funcionamento do Concello ao alumnado dos centros educativos

LugoXa
O programa ‘Coñece o teu Concello’ comezou cunha visita de medio cento de escolares de As Mercedes e continuará cada mércores con novos colexios
coñece-o-teu-concello-lugo
27 Sep 2026

O Concello de Lugo puxo en marcha esta semana o programa ‘Coñece o teu Concello’, unha iniciativa coa que pretende achegar o funcionamento da administración local ao alumnado dos centros educativos e fomentar a súa participación na vida municipal.

A primeira visita contou coa participación de medio cento de alumnos e alumnas de 3º de Educación Primaria do CEIP As Mercedes, que acudiron á Casa do Concello e mantiveron un encontro coa alcaldesa, Elena Candia, no Salón de Plenos.

Durante a visita, os escolares coñeceron como se desenvolven os debates municipais, que función desempeñan os concelleiros e como se toman as decisións relacionadas co día a día da cidade.

O alumnado participou tamén activamente no encontro e trasladou á alcaldesa as súas propias preguntas e propostas. Entre os asuntos que máis interese lles suscitaron estiveron os parques infantís, a sustentabilidade e a mellora da contorna do seu centro educativo.

Elena Candia animou os escolares a continuar formulando propostas para mellorar a cidade e convidounos a facelas chegar por carta. A alcaldesa comprometeuse a responder persoalmente ás cuestións que lle trasladen, co obxectivo de fomentar a participación dos máis novos e coñecer as súas ideas sobre o futuro de Lugo.

O programa ‘Coñece o teu Concello’ contempla visitas de escolares de diferentes centros educativos de Lugo ao longo do curso. As actividades desenvolveranse semanalmente, todos os mércores, e permitirán coñecer tanto o edificio da Casa do Concello como o funcionamento da administración municipal a través de propostas de carácter dinámico e participativo.

0.16922497749329