Lugo acolle a cuarta edición da Copa Galicia de Tute por equipos

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse con Jorge López, presidente da asociación 101-2, para tratar a colaboración do Goberno galego na Copa Galicia de Tute por equipos, que este ano alcanza a súa cuarta edición.
O torneo terá lugar o próximo 4 de abril no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A competición está aberta a todas as empresas interesadas en presentar equipo e, actualmente, xa hai máis de medio cento de inscritos procedentes de Galicia e Asturias. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de marzo.
Durante o encontro, Arias felicitou ao colectivo organizador polo seu labor “para consolidar a Copa Galicia de Tute por equipos como unha cita de referencia dentro do calendario desta modalidade” e destacou a importancia deste tipo de iniciativas, “que axudan a dinamizar a actividade social e económica da cidade”.