Lugo acolle a exposición conmemorativa do 50 aniversario de Fuxan os Ventos

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, acompañados por integrantes de Fuxan os Ventos, abriron no Auditorio Municipal a exposición conmemorativa "Fuxan os Ventos, 50 anos de historia". Maite Ferreiro destacou que esta mostra "completa a homenaxe das veciñas e veciños de Lugo a unha agrupación con máis de 50 anos de historia".
A concelleira subliñou que "a veciñanza de Lugo e todas as persoas que se acheguen poderán lembrar as historias destes 50 anos, as vivencias de moitas persoas, pero tamén a propia historia recente do noso país". Engadiu que "para o Concello de Lugo é unha honra acoller a exposición do 50 aniversario desta agrupación despois de acoller tamén o seu nacemento no ano 1972".
A exposición ofrece un percorrido completo pola traxectoria de Fuxan os Ventos a través de materiais documentais, obxectos e textos que permiten reconstruír a evolución artística do grupo e comprender o seu impacto cultural ao longo de cinco décadas.
Esta iniciativa dá continuidade ás tres actuacións especiais que a formación ofrecera no Auditorio Municipal en xuño de 2025, concertos que, segundo lembrou Ferreiro, "foron especialmente emotivos e contaron cunha grande acollida por parte do público lucense".
Con esta mostra, a Tenencia de Alcaldía reforza o seu compromiso coa posta en valor da cultura galega e co recoñecemento a figuras e colectivos que contribuíron de maneira decisiva á súa difusión. Maite Ferreiro afirmou que "Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas".