Lugo acolle a exposición ‘Unha+Un=2’, que reúne as obras de Xesús Vázquez e Carmen Prado

LugoXa
Unha vintena de pezas pictóricas poderán visitarse na Biblioteca Pública ata o 30 de abril
exposición-Carmen-Prado-Biblioteca-Lugo
24 Mar 2026

A Biblioteca Pública de Lugo será o escenario da mostra ‘Unha+Un=2’, unha proposta impulsada pola Xunta de Galicia que reúne o traballo artístico de Xesús Vázquez e Carmen Prado. A iniciativa foi presentada na Delegación Territorial nun acto no que participaron o delegado territorial, Javier Arias, así como os propios artistas, entre outros asistentes.

A exposición abrirá as súas portas este venres e permanecerá dispoñible para o público ata o 30 de abril. O percorrido inclúe máis de vinte obras que reflicten os estilos diferenciados de ambos creadores, quen contan cunha ampla traxectoria e unha presenza consolidada en exposicións tanto no ámbito estatal como internacional.

No caso de Xesús Vázquez, a súa proposta céntrase na abstracción, cunha especial atención á cor e ás texturas. As súas pezas caracterízanse polo uso de tons intensos, como vermellos e ocres, e pola integración de materiais diversos, entre eles madeira, cartón, area de praia ou po de olivina procedente de Lanzarote.

Pola súa banda, Carmen Prado aposta fundamentalmente pola representación de figuras femininas, que transforma para potenciar a súa expresividade e ofrecer unha visión afastada dos canons tradicionais de beleza. Ademais, na exposición tamén se inclúen algunhas obras de corte realista, pertencentes ás súas creacións máis recentes, nas que se inspira nas tradicións galegas.

0.12585401535034