Lugo acolle a gala de Agaxede coa entrega dos premios da súa XVI edición

O Concello de Lugo converterase mañá venres no anfitrión da gala da Asociación Galega de Xestión Deportiva (Agaxede), que entregará os premios da súa decimosexta edición a partir das 20.00 horas no auditorio Fuxan os Ventos.
Nesta edición, Agaxede distinguirá entre 13 galardóns, entre eles o Club Ciclista Cidade de Lugo, recoñecido polo seu programa deportivo, e o programa Muller en Forma, que recibirá o premio á xestión deportiva con perspectiva de xénero.
Tanto o alcalde, Miguel Fernández, como o concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, mantiveron encontros cos responsables de Agaxede para ultimar os detalles dun evento que destaca polo seu prestixio no sector deportivo e na xestión de clubs e administracións públicas en Galicia.
O rexedor municipal subliñou que “será unha honra acoller a entrega destes galardóns, que xa distinguiron en dúas ocasións ao Concello de Lugo co Premio á Mellor Xestión Pública do Deporte, e que este ano tamén recoñecerán ao Club Ciclista Cidade de Lugo, ao programa Muller en Forma e á Deputación de Lugo”.
Fernández e Bustos mantiveron unha reunión co presidente de Agaxede, Eduardo Blanco, e co coordinador da entidade, Cristián Gavril, para ultimar aspectos organizativos dunha gala que se consolidou como referente na xestión deportiva e na dirección de clubs e administracións públicas galegas.