Lugo acolle a presentación do libro ‘Tiro libre: historias de deporte para falar de política’, de Julio Torrado

O Vello Cárcere de Lugo acollerá o venres 20 de marzo a presentación do libro Tiro libre: historias de deporte para falar de política, unha obra do autor Julio Torrado que propón unha aproximación diferente á análise política a través do deporte.
O acto contará coa presenza do propio autor, que estará acompañado por Luis Álvarez, exdeputado do Parlamento de Galicia, nun encontro aberto ao público no que se abordará o contido e as reflexións que recolle a publicación.
A obra parte da idea de que o deporte, como expresión directa do comportamento humano, permite observar con claridade como reaccionan as persoas ante situacións de tensión, retos, éxitos ou fracasos, unha dinámica que, segundo o autor, tamén se reproduce no ámbito político.
A partir desta premisa, o libro utiliza exemplos e historias vinculadas ao deporte para ofrecer unha mirada distinta sobre a política, abordando de forma máis liviá e en ocasións anecdótica cuestións que adoitan quedar fóra do debate político cotián.
Cunha perspectiva deliberadamente provocadora, o texto percorre aspectos como as contradicións dos partidos, as decisións complexas ou as frustracións electorais, para reflexionar tamén sobre as expectativas e esperanzas que continúan presentes na vida política.