Lugo acolle a presentación do Outono Cultural da USC, con música, exposicións, audiovisual, teatro e formación

GaliciaXa | LugoXa
A programación para os campus incorpora novas propostas e mantén certames e actividades xa consolidadas, combinando creación contemporánea, patrimonio ou divulgación
outono-cultural
22 Sep 2026

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou este martes en Lugo a programación do Outono Cultural 2026, unha proposta que reúne música, exposicións, audiovisual, teatro e formación nos campus de Lugo e Santiago e que incorpora novas iniciativas para ampliar a oferta cultural da institución.

A presentación desenvolveuse no Pazo de Montenegro, onde a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana, deu a coñecer as principais actividades previstas para o campus lucense. No acto participaron tamén o concelleiro de Cultura e Educación de Lugo, Javier Vázquez Prado, e a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández.

No apartado musical, o Outono Cultural contará en Lugo coa actuación de Laura Lamontagne o vindeiro 19 de novembro. A programación inclúe tamén a participación de High Paw no Microaberto, onde ademais impartirá un taller, e a presentación do libro Fran Pérez Narf Canto Sentido, o 18 de novembro, con Quico Cadaval e Pepe Sendón. A música clásica terá igualmente presenza no programa lucense con tres concertos que contan co apoio da Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España (AIE).

O campus de Lugo manterá ademais varios dos seus certames culturais xa consolidados, como o Maratón Fotográfico, coordinado por Eduardo Ochoa; Paisaxe Sonora, coordinado por Arturo Abrigueiro; e o certame de Videoarte, dirixido por Carmen Granxeiro. Tamén continuará o Taller de iniciación á fotografía.

Entre as novidades figura Visións de Cine, unha nova experiencia impulsada por Adra Pallón, Pepe Coira, Clara Coira e Andrés Goteira. Os espazos de formación e creación, danza e teatro manterán actividades, tamén para o IV ciclo, mentres que a Orquestra e o Coro da USC contarán igualmente con programación propia en Lugo.

O programa complétase con propostas de debate e divulgación, como o foro A Memoria democrática, da man de María Valcárcel, e As Muiñadas. Encontros co mundo do tradi, conducido por Adrián Méndez, do grupo De Ninghures, coa participación de Aida Tarrío e Mondra. No ámbito audiovisual proxectarase Antes de maio e tamén se inclúe Orgullosas, coa presenza de Alba Loureiro.

A divulgación científica terá continuidade a través dos programas Xoves de Ciencia e Cañas e DivulgaT, que regresan un ano máis á programación do campus lucense.

A estas actividades súmanse as Faíscas Culturais, unha iniciativa que busca promover a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado mediante intervencións e actividades de carácter cultural.

No campus de Santiago, unha das principais novidades será Sons de peto, un novo ciclo de música de pequeno formato pensado para a Igrexa da Universidade. Nesta primeira edición incluirá o obradoiro de canto comunitario Pélago, contos oníricos, con Guadi Galego, así como concertos de Laura LaMontagne e Abril.

As exposicións tamén terán un papel destacado coa presenza de propostas como Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia, Ponte… nas Ondas! Un modelo para o mundo ou Mapas de Oriente Medio (1969–1979), de Sven Augustijnen, ademais doutras mostras relacionadas coa creación artística e a fotografía.

No apartado audiovisual compostelán figura a proxección do documental interactivo Antes de maio, arredor das revoltas estudantís de 1968, e a gravación en directo de O Faiado Podcast. A USC incorpora tamén unha nova oferta formativa en fotografía documental co curso Narrativa visual, impartido polo Colectivo Ollo, integrado por Vanessa Casteleiro, Óscar Corral e Brais Lorenzo.

O Outono Cultural da USC completarase coa estrea da produción da Aula de Teatro, o concerto de Nadal da Orquestra e Coro da USC, o Ciclo bicentenario Adalid, diferentes certames de música, fotografía e videocreación e diversas convocatorias de apoio á creación e á participación cultural do estudantado.

0.12969493865967