Lugo acolle a XI edición do torneo de mus Muralla de Lugo – Memorial Luciano Sánchez

A asociación LugoMuseiros organiza a undécima edición do torneo de mus Muralla de Lugo – Memorial Luciano Sánchez, que se celebrará o vindeiro 10 de maio no Círculo das Artes.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, reuniuse con representantes da entidade organizadora, que prevé reunir a unhas 100 parellas procedentes de Galicia e doutras comunidades como Asturias e Castela e León.
Arias felicitou á agrupación por manter esta iniciativa, que considera un dos torneos de mus "máis prestixiosos da comunidade". Ademais, destacou o impacto positivo que supón para a cidade, tanto a nivel económico como promocional, xa que cada ano atrae a decenas de afeccionados ao mus e aos seus acompañantes, que visitan Lugo con motivo do campionato.
O evento consolidouse como unha cita de referencia para os amantes deste tradicional xogo de cartas, reforzando así a súa relevancia dentro do panorama competitivo do mus en España.