Lugo acolle actividades na semana pola integración das persoas migrantes
O vindeiro luns 21 de xuño ás 17 horas realizarase en Lugo, o acto de inauguración da semana pola integración das persoas migrantes. Unha serie de actividades que se agrupan baixo o título Migrantes de soños e que son organizadas por Diaconía España. As actividades contan coa colaboración do Concello de Lugo (Áreas de Benestar Social e Cultura), UNED de Lugo, Deputación Provincial de Lugo, Rede Museística Provincial de Lugo, Guido Álvarez, Diego As, Iago Rois Abel e Luís Abel Taboada, e algunhas persoas migrantes que participan nas diferentes actividades previstas.
Migrantes de soños constitúe a oportunidade social de participar na integración das persoas migrantes na cidade de Lugo. Unha actividade que se articula con motivo do Día Mundial do Refuxiado o próximo 20 xuño 2021.
Propóñense estas xornadas dentro do proxecto de sensibilización para a cidadanía que contribúe non só a derrubar estereotipos, senón a fomentar unha convivencia pacífica e positiva, baseada na comprensión e respecto cara ás diferenzas, podendo así prosperar cara a unha sociedade diversa e inclusiva.
Programa
As xornadas comezarán o luns 21 de xuño ás 17 horas no museo provincial de Lugo co acto de inauguración. Do 21 ao 26 de xuño realizarase unha exposición de fotografía chamada Soños a través da mirada, de Iago Rois que se poderá visitar no propio museo provincial de Lugo.
O día 21 de xuño durante o acto de inauguración e o venres 25 de xuño ás 18 horas expoñeranse relatos de persoas migrantes e, o propio día 25 tamén se realizará unha mesa de debate sobre retos de integración.
As actividades continuarán o sábado de 18 a 20 horas cun paseo por Lugo que se iniciará na praza da Soidade e que rematará na praza Anxo Fernández Gómez. Para esta actividade é preciso reservar no correo guidoguiaturismo@gmail.com xa que as prazas son limitadas (20 persoas máximo). Así mesmo, o propio sábado, Diego As realizará un mural participativo na praza Anxo Fernández Gómez, na que posteriormente terá lugar o acto de clausura das xornadas.
Para acceder a toda a información e o programa de actividades pode consultarse igualmente na web do proxecto Comunidade Diversa.