Lugo acolle en maio a reunión anual da Oncolóxica de Galicia con foco na innovación e a atención ás persoas

GaliciaXa | LugoXa
O HULA será sede os días 8 e 9 de maio dun encontro que reunirá especialistas de toda Galicia e que coincidirá coa Andaina Saudable contra o Cancro aberta á cidadanía
hula-hospital-lugo
28 Apr 2026

O Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) será escenario os próximos 8 e 9 de maio da XXXVII Reunión Anual da Sociedade Oncolóxica de Galicia (SOG), unha cita científica de referencia que congregará en Lugo profesionais de toda a comunidade baixo o lema “Cara unha Oncoloxía diferente”.

A apertura institucional contará coa participación de representantes públicos e responsables sanitarios nun encontro que busca fortalecer a cooperación entre administracións, profesionais e sociedades científicas para seguir impulsando unha atención oncolóxica máis avanzada, precisa e centrada nas persoas.

Coincidindo coa celebración desta reunión, Lugo acollerá tamén o 8 de maio a Andaina Saudable contra o Cancro, unha iniciativa aberta á cidadanía promovida pola Fundación SOG baixo o lema “Cada paso conta”. A actividade pretende fomentar hábitos de vida saudables e concienciar sobre a prevención da enfermidade e a importancia do acompañamento ás persoas con cancro.

Ao longo de dúas xornadas, especialistas en Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica e outras áreas vinculadas analizarán os principais desafíos actuais e de futuro na loita contra o cancro. O programa xirará arredor da innovación clínica, a medicina personalizada, a investigación e a mellora constante da asistencia aos pacientes.

Entre os temas previstos figuran os ensaios clínicos e a nova normativa europea, a transparencia e o acceso aos tratamentos innovadores, o valor da evidencia en vida real nas terapias dirixidas, a implantación da Oncoloxía de Precisión e a evolución cara modelos asistenciais máis integrais e coordinados por procesos.

A reunión reservará tamén espazo para os profesionais máis novos mediante mesas dirixidas a médicos internos residentes, nas que se abordará o impacto do burnout nos primeiros anos da carreira e a situación presente e futura da especialidade.

O programa incorpora ademais sesións específicas sobre a estratexia galega de biomarcadores, os avances diagnósticos e terapéuticos, a acreditación europea dos centros oncolóxicos, a humanización da asistencia e o impulso de novos cribados poboacionais en cancros de alta incidencia como pulmón ou próstata.

Noutras mesas analizaranse cuestións clínicas de máxima actualidade, como o control do tumor primario tras resposta a tratamento sistémico en enfermidade avanzada, estratexias de preservación de órgano sen tratamento local e o presente e futuro da protonterapia, unha das técnicas máis avanzadas da radioterapia.

Neste ámbito, Galicia será pioneira coa posta en marcha do primeiro centro público de protonterapia de España. O Centro de Protonterapia de Galicia constitúe un dos grandes fitos da medicina oncolóxica de precisión e é o proxecto máis avanzado dos nove previstos no Sistema Nacional de Saúde.

As previsións apuntan a que este centro poida atender aos primeiros pacientes a finais deste ano ou comezos do próximo, converténdose no primeiro do sistema público estatal en tratar casos oncolóxicos de alta complexidade con esta tecnoloxía.

A elección do HULA como sede desta reunión supón un novo recoñecemento ao peso asistencial, docente e investigador do hospital lucense, así como ao labor dos servizos implicados na atención oncolóxica multidisciplinar. O encontro reforza tamén o papel de Lugo como referente sanitario e como punto de encontro para o intercambio de coñecemento entre profesionais.

A celebración desta cita anual no HULA evidencia, ademais, a capacidade organizativa do centro e o alto nivel dos seus profesionais, consolidando o hospital como unha infraestrutura moderna, dinámica e plenamente integrada nas redes galegas de innovación, formación e excelencia asistencial.

0.11964702606201