Lugo acolle mañá unha nova proxección do cine ao aire libre
A Tinería acolle mañá martes 9 de agosto ás 22:30 unha nova proxección dentro do ciclo de cine ao aire libre. Unha actividade enmarcada no movemento Localmente Lucense, que se impulsa desde a área de Desenvolvemento Local e Emprego e que consiste na proxección de películas sobre emprendemento e negocios.
A película programada para mañá é Avós, nunca é tarde para emprender. Isidro Hernández (Carlos Iglesias) é un parado de 59 anos ao que a crise expulsou do mercado laboral. Tras dous anos sen recibir ofertas de traballo chega á conclusión de que a única forma de volver a traballar e sentirse útil é montando o seu propio negocio. Pero, que pode emprender alguén da súa idade a quen a sociedade relega simplemente ao coidado dos seus netos/as? A resposta é clara: coa axuda de Arturo (Roberto Álvarez), un exitoso escritor de novelas románticas, e de Desiderio (Ramón Barea), un xubilado con ganas de ser avó, embárcanse no ambicioso proxecto de intentar montar unha gardería. Para desenvolvelo, os tres amigos adentraranse nun ‘coworking’ repleto de xuventude, no que terán que sacar ao emprendedor que levan dentro.
A entrada será gratuíta ata completar un aforo de 50 persoas.