Lugo acolle no MIHL a exposición “Tanxarina, 40 anos de monicreques”

LugoXa
A mostra repasa a traxectoria dunha das compañías máis destacadas do teatro de títeres galego con máis de oitenta pezas en exhibición
Tanxarina,-40-anos-de-monicreques-MIHL-Lugo
22 Mar 2026

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) converteuse no escenario dunha nova proposta cultural coa inauguración da exposición “Tanxarina, 40 anos de monicreques”, unha iniciativa que percorre a evolución dunha das compañías máis recoñecidas e prestixiosas do teatro de títeres en Galiza.

A mostra permite ao público achegarse ás distintas correntes estéticas do teatro de figuras e obxectos, ao tempo que ofrece unha visión das múltiples técnicas de manipulación empregadas ao longo destas catro décadas. Para iso, reúne unha coidada selección de bonecos, escenografías e elementos de atrezo que forman parte da historia e identidade artística de Tanxarina.

Durante a visita institucional, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou o valor desta exposición dentro da programación cultural da cidade. Segundo sinalou, esta iniciativa contribúe a recoñecer o papel dunha compañía clave na cultura galega, que ao longo dos anos conseguiu achegar o teatro de monicreques a públicos de todas as idades cunha proposta marcada pola creatividade, o compromiso e unha identidade propia moi definida.

Ferreiro tamén fixo fincapé na dimensión divulgativa da exposición, subliñando que se trata dunha oportunidade para coñecer en detalle o proceso creativo destes espectáculos. Neste sentido, apuntou que a mostra permite apreciar o coidado e o traballo artesanal na elaboración dos bonecos, aspectos que adoitan pasar desapercidos durante as representacións escénicas.

A exposición reúne máis de vinte producións e arredor de oitenta pezas, ofrecendo unha panorámica ampla do universo artístico de Tanxarina e da súa contribución á evolución do teatro de títeres en Galicia. A concelleira animou á cidadanía a visitar o MIHL nas vindeiras semanas e desfrutar dunha proposta que reforza a aposta institucional por unha programación cultural variada e de calidade, orientada a achegar experiencias enriquecedoras á veciñanza e a poñer en valor o patrimonio cultural contemporáneo.

0.13246703147888