Lugo acolle o Certame de Oratoria Letras Galegas 2026 con máis de cen estudantes participantes

GaliciaXa | LugoXa
A cita, organizada por Más Debate, reúne alumnado de secundaria para competir en probas de expresión oral centradas na cultura galega
Torneo-de-Oratoria-Letras-Galegas-Más-debate-Lugo
5 May 2026

A Asociación Más Debate celebra este sábado no Colexio San José FEC de Lugo o Certame de Oratoria Letras Galegas 2026, unha competición de discursos na que grupos de tres alumnos procedentes de distintos centros educativos da provincia porán a proba as súas capacidades comunicativas en lingua galega, abordando cuestións ligadas á cultura da comunidade.

O torneo enmárcase nun programa máis amplo promovido pola entidade, que organiza cada ano este certame en dúas sedes: unha para o sur de Galicia, que tivo lugar o pasado sábado en Vigo e na que resultou vencedor o colexio Filipenses de Vilagarcía, e outra para o norte, cuxa edición se desenvolve esta fin de semana en Lugo.

En total, 110 estudantes dos primeiros cursos de secundaria participarán en diferentes enfrontamentos, nos que deberán superar tres probas. Na primeira delas, os participantes recitarán textos seleccionados pola organización, entre os que se atopan fragmentos de Martín Códax, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Neira Vilas.

Na segunda proba, o alumnado elaborará discursos nos que presentará e porá en valor a figura de destacados referentes da cultura galega, como Marica Campo ou Adela Figueroa.

Finalmente, os estudantes agruparanse en parellas para afrontar a proba máis dinámica, denominada Tecendo historias, na que deberán alternarse cada 20 segundos improvisando un relato a partir dunha frase proposta pola organización.

Os participantes serán avaliados por un xurado integrado por expertos en oratoria, aos que se sumarán máis de 50 estudantes de bacharelato procedentes das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra, que no mes de abril participaron no recoñecido Torneo Lugo Debate e que actualmente se atopan en proceso de formación como xuíces de oratoria.

Desde a organización destacan que “este torneo é unha das citas máis especiais do noso calendario, porque reúne en Lugo a máis de cen rapaces para falar, pensar e emocionarse en galego arredor da nosa cultura”.

0.12765717506409