Lugo acolle o ciclo 'Harmonías na biblioteca: A voz da cultura'

LugoXa
Este evento consiste nunha programación musical que contará coa participación de tres destacadas agrupacións corais da provincia
ciclo-corais-Lugo
13 Mar 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude comeza o venres 21 de marzo o ciclo 'Harmonías na biblioteca: A voz da cultura' en Lugo, unha programación musical que contará coa participación de tres destacadas agrupacións corais da provincia.

O evento foi presentado na Delegación Territorial da Xunta en Lugo polo delegado territorial, Javier Arias, xunto a Pablo Rico, presidente do Coro Xuvenil de Lugo e da Federación de Coros de Galicia; Miguel Varela, presidente do Orfeón Xoán Montes e vicepresidente da Federación Galega de Coros; e Manuel Rodríguez Lorenzo, presidente da Schola Gregoriana Lucensis.

O ciclo terá lugar no salón de actos da Biblioteca Pública Provincial e ofrecerá concertos de acceso gratuíto. O primeiro evento será o 21 de marzo, protagonizado polo Orfeón Xoán Montes, que interpretará un repertorio variado que vai desde as tradicionais habaneras ata obras galegas e composicións corais para voces graves.

O 16 de maio será a quenda do Coro Xuvenil de Lugo, que traerá versións de cancións pop de artistas como Melendi, Amaral, Nil Moliner ou Dani Fernández. O ciclo pecharase o 24 de outubro coa actuación da Schola Gregoriana Lucensis, que ofrecerá pezas de canto gregoriano, do cancioneiro de palacio e outras obras antigas. Todos os concertos darán comezo ás 20.00 horas e terán unha duración aproximada dunha hora.

Javier Arias subliñou que o obxectivo do ciclo é ofrecer á cidadanía lucense unha programación de calidade e diversidade musical, accesible de maneira totalmente gratuíta, e fomentar o uso da biblioteca como espazo cultural activo e aberto ás diferentes manifestacións artísticas.

⚙ Configurar cookies
0.18004298210144