Lugo acolle o encontro 'Construíndo cidades sostibles' a vindeira semana

LugoXa
Lugo acolle o encontro Construindo cidades sostibles no que se abordarán as achegas do programa LIFE os día 19 e 20
Congreso LLB_GAL_2dic2022
Congreso LLB_GAL_2dic2022
17 dic 2022

Os días 19 e 20 de decembro terá lugar o encontro Construíndo cidades sostibles, co obxectivo de amosar o traballo realizado a través do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico na cidade e promover intercambios formativos con outros proxectos europeos baseados na adaptación ao cambio climático.

Así, a alcaldesa convida a todas e todos os lucenses a participar neste evento, no que se darán cita diferentes representantes institucionais, académicos e do mundo empresarial para poñer en valor a aposta pola sostibilidade, “unha aposta que impulsamos durante o mandato pasado e que, a día de hoxe, está presente de forma transversal en todas as actuacións deste goberno municipal, sendo unha das nosas sinais de identidade xa recoñecidas tamén no exterior”, subliñou Méndez.

A cita constará de dúas xornadas: unha primeira, o vindeiro luns, na que se poderá participar de forma presencial ou telemática, e que se desenvolverá no Vello Cárcere; e, unha segunda xornada, o martes, que constará de visitas guiadas ao edificio Impulso Verde e ás plantacións do bosque urbano das Gándaras, de xeito presencial.

Na sesión do luns, haberá unha presentación da iniciativa Pacto dos Alcaldes, o principal movemento europeo no que participan as autoridades locais e rexionais que asumiron o compromiso voluntario de mellorar a eficiencia enerxética e utilizar fontes de enerxía renovable nos seus territorios, a cargo de Meline González, coordinadora do proxecto. Nesta xornada, tamén participarán representantes do LIFE CerSuds (Valencia), Proxecto Hoop (Murcia), LIFE Water Cool (Sevilla), LIFE Lungs (Lisboa), e LIFE Wood for Future (Granada), ademais do director executivo de FSC España, Gonzalo Anguita.

O formulario de inscrición e o programa en detalle poden consultarse no seguinte enlace.

Programa do encontro

Lara Méndez será a encargada de abrir o acto do luns 19 no Vello Cárcere ás 9:15, acompañada de representantes das diferentes institucións socias do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, como son a Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidad Politécnica de Madrid. Nesta presentación participará tamén Meline González-Piloyan, coordinadora de proxectos do Pacto dos Alcaldes e Boris Hinojo, xerente do LIFE lucense.

As seguintes sesións desta primeira xornada centraranse no desenvolvemento das solucións ás estratexias urbanas verdes que sentaron as bases do LIFE Lugo + Biodinámico e que servirán como modelo a outras cidades europeas de tamaño medio na adaptación ao cambio climático, tanto na construción sostible coma na planificación urbana.

A segunda xornada, o martes 20, terá lugar de xeito exclusivamente presencial na contorna das Gándaras, onde se visitarán as instalacións do edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público levantado en madeira de Galicia, e un percorrido polas diferentes accións demostrativas que se están a levar a cabo na zona, como é o establecemento dun souto, a área de frondosas autóctonas, o arboretum ou a recuperación do humidal.