Lugo acolle o I Open Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos con preto dun cento de participantes

GaliciaXa | LugoXa
O torneo reúne no Círculo das Artes a grandes mestres e xogadores de distintos países ata o domingo e inaugura o proxecto "Xadrez no Camiño", apoiado pola Xunta a través de O teu Xacobeo
Open-Xadrez-No-camiño-Círculo-das-Artes-Lugo-26
16 Jul 2026

O Círculo das Artes de Lugo convértese esta semana no escenario do I Open Internacional de Xadrez Fuxan os Ventos, unha cita que reúne preto dun cento de participantes, entre eles 15 xogadores con título FIDE e varios grandes mestres. A competición, que comezou o pasado luns e se prolongará ata o domingo, repartirá máis de 6.750 euros en premios e constitúe a primeira actividade do proxecto "Xadrez no Camiño".

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou esta tarde a Fan Zone do torneo, un espazo no que os grandes mestres realizan exhibicións e comparten partidas con xogadores e afeccionados. Nesta xornada participou o gran mestre galego David Lariño. Posteriormente, Villares foi o encargado de realizar o saque de honra que marcou o inicio da sesión de competición.

A iniciativa está promovida pola Escola Luguesa de Xadrez e conta co apoio de Turismo de Galicia a través do programa "O teu Xacobeo". O Open serve ademais como punto de partida de "Xadrez no Camiño", unha proposta que se desenvolverá ata o mes de outubro en distintos concellos da provincia, como Palas de Rei, Guitiriz, Castroverde, Portomarín ou Guntín, con campionatos, exhibicións, visitas a centros educativos e actividades abertas ao público.

Durante a súa visita, Villares destacou que este proxecto "encaixa á perfección co espírito da convocatoria de O teu Xacobeo, xa que propón unha programación participativa e distribuída polo territorio, construída coa implicación da cidadanía e do tecido asociativo".

No conxunto de Galicia, a Xunta apoia este ano 56 proxectos a través desta liña de axudas, cun investimento de 1 millón de euros destinado a iniciativas culturais, artísticas, patrimoniais, sociais, deportivas e dixitais.

0.13541793823242