Lugo acolle un consulado itinerante da República de Cuba para atender á súa comunidade residente

A República de Cuba instalou un consulado itinerante na Nave das Asociacións de Lugo co obxectivo de facilitar a realización de trámites administrativos á poboación cubana residente na cidade e na súa contorna. Ao longo da xornada, a cónsul xeral para Galicia, Ingrid Izquierdo, atendeu distintas xestións e consultas da cidadanía.
O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo un encontro coa representante diplomática durante a visita institucional, na que destacou a relevancia desta iniciativa para achegar servizos á comunidade cubana asentada no municipio.
Arroxo puxo en valor os fortes lazos que historicamente unen Galicia e Cuba, especialmente marcados polos movementos migratorios. Segundo indicou, trátase dunha realidade á que as institucións deben prestar atención polo peso que a emigración tivo na historia galega.
Así mesmo, sinalou que resulta unha honra para a cidade recibir a delegación cubana e avanzar no fortalecemento das relacións entre ambos pobos, incidindo na necesidade de seguir promovendo iniciativas que reforcen estes vínculos históricos e sociais.