Lugo acolle unha campaña da Xunta para fomentar a recollida separada de biorresiduos

LugoXa
A iniciativa busca concienciar á cidadanía sobre o uso do contedor marrón e avanzar cara a un modelo máis sostible e circular
Campaña-recollida-separada-dos-residuos-Xunta-Lugo
16 Apr 2026

A Xunta de Galicia está a desenvolver en Lugo unha acción especial de concienciación para reforzar e impulsar a recollida separada dos residuos de materia orgánica, coñecidos como biorresiduos. A iniciativa inclúe a instalación dun panel decorado con vexetación autóctona arredor dun gran cartel co lema ‘Co marrón somos máis verdes’, situado estes días na explanada do edificio administrativo do Goberno galego na cidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o obxectivo desta acción é chamar a atención da cidadanía e fomentar a correcta separación da fracción orgánica dos residuos domésticos. Segundo indicou, trátase dunha actuación puntual que se enmarca na campaña de concienciación posta en marcha pola Xunta en decembro de 2025.

Esta campaña pretende informar á poboación sobre que son os biorresiduos, a súa importancia como recurso e as formas máis adecuadas de xestionalos, aclarando tamén que tipo de refugallos deben depositarse no contedor marrón.

Arias lembrou que a fracción orgánica representa aproximadamente o 40 % da bolsa de lixo dun fogar tipo e subliñou que desde o 1 de xaneiro de 2024 é obrigatorio recoller este tipo de residuos de maneira separada. Neste sentido, destacou o apoio da Xunta ás entidades locais para cumprir coa normativa, o que permitiu dotar a Galicia da infraestrutura necesaria para a recollida e tratamento destes residuos.

O delegado territorial incidiu en que agora é o momento de reforzar a sensibilización cidadá a través de accións de impacto visual como esta, co obxectivo de promover hábitos responsables e avanzar cara a un modelo máis sostible e circular, no que a correcta separación dos residuos forme parte da rutina diaria nos fogares. Ademais de en Lugo, a campaña está a desenvolverse tamén en Santiago de Compostela e Ferrol.

0.11826586723328