Unha concentración do sector de velocidade con 27 atletas sub-16 de toda Galicia desenvolverase en Lugo

Lugo será escenario o sábado 25 de abril dunha concentración do sector de velocidade que reunirá a 27 atletas da categoría sub-16 procedentes de distintos puntos da comunidade autónoma. A actividade conta coa colaboración da Administración autonómica, que facilita o uso das pistas de atletismo.
Durante a xornada, os deportistas desenvolverán sesións de adestramento baixo a supervisión de técnicos especializados, nas que traballarán diferentes aspectos clave do rendemento en velocidade como a técnica de carreira, a saída, a forza e a estratexia. Ademais, levaranse a cabo probas específicas co obxectivo de avaliar o nivel dos participantes.
A concentración estará dirixida polo responsable do sector de velocidade da Federación Galega de Atletismo, José Carlos Tuñas, e servirá como proceso de selección para determinar os atletas que formarán parte do equipo que competirá no Campionato de España de relevos.