Lugo acolle unha reunión de traballo sobre Alcoa

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
24 Xan 2020

A Subdelegación de Goberno en Lugo acolleu unha  nova reunión da Mesa de Traballo Multilateral sobre Alcoa, que reuniu a representantes do Goberno de España, da Xunta de Galicia, da multinacional norteamericana, do comité de empresa e dos sindicatos con representación na factoría de San Cibrao, trala celebración da manifestación en Madrid.

Nesta reunión, o secretario xeral de Industria e PEME, Raúl Blanco, volveu a asegurar, tal e como fixera a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, en Madrid, que o estatuto que regulará o funcionamento das empresas electrointensivas e, consecuentemente o prezo da enerxía, está na súa fase final e que este documento estará en consulta pública moi pronto.

Segundo Blanco, “ese estatuto permitirá rebaixar o prezo da enerxía e ter un marco estable para o investimento da industria electrointensiva nos próximos anos. Iso serve para a planta de San Cibrao e para o conxunto da industria electrointensiva en Galicia e no resto de España”.

Así mesmo, manifestou “o apoio do Goberno á continuidade industrial da planta de San Cibrao”, un “apoio que foi constante por parte de todos os gobernos”, como o demostra o feito de que “desde o ano 2011 ata a actualidade, Alcoa San Cibrao recibiu 693 millóns de euros, se sumamos todos os conceptos de bonificación do prezo da enerxía”

Tamén aproveitou a ocasión para “"dicirlle á Xunta que estea" ao "lado" do Goberno "con colaboración leal", porque “sempre temos que aparecer no último momento, en casos como Barreiras ou en casos como este”, lamentou.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, pediu que o Goberno de España aprobe unha "medida concreta" para garantir a produción de aluminio primario na comunidade autónoma, que pasa por fixar un prezo de "35 a 40 euros por megawatt" e en "un prazo concreto".

Conde asegurou que a Xunta de Galicia espera que haxa medidas concretas e un compromiso por parte do Goberno para manter o prezo eléctrico para as empresas produtoras de aluminio primario e outras industrias electrointensivas entre 35 e 40 euros megawatt.

Precisamente, nesta liña pronunciouse tamén o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, quen asegurou que os representantes dos traballadores esixirán un prezo estable para a enerxía eléctrica de entre 35 e 40 euros por megawatt e ademais dentro dun marco pactado que ofreza estabilidade.

Pola súa banda, o presidente de Alcoa España, Álvaro Dourado, non quixo facer declaracións sobre as perspectivas da empresa.

0.21172690391541