Lugo acolle unha serie de encontros de vellos oficios artesáns

LugoXa
Presentada a Mostra de Vellos Oficios Artesáns que se manterá durante todos os domingos de agosto e o 5, 11 e 19 de setembro.
cesteria
18 Xul 2021

Xa se presentou a mostra de vellos oficios artesáns que se manterá durante todos os domingos de agosto e o 5, 11 e 19 de setembro. Así mesmo, plantéxase a mostra para facilitar o coñecemento dos oficios tradicionais a través de experiencias en directo que mostren o bo facer das e dos artesáns.

As mostras terán lugar nos soportais da casa do Concello, na praza Maior os domingos 1, 8, 22 e 29 de agosto e 5, 11 e 19 de setembro, de 11 a 14 e de 17 a 20.30. Cada un dos días contarase con dous profesionais de distintas especialidades, entre as que se atopan a madeira, os instrumentos musicais, a cestería ou o metal, entre outras.

“Este proxecto de promoción dos vellos oficios céntrase nos labores tradicionais que manteñen vivos mestres e artesáns, e poderase ver a técnica destas disciplinas que sobreviviron á produción industrial”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “a actual sensibilización contra o cambio climático facilitou a recuperación destes oficios tradicionais e a incorporación de persoas novas ou que se reciclen doutras profesións a este sector”.

Programa Mostra de Vellos Oficios Artesáns 2021

Na xornada do 1 de agosto, haberá dúas mostras, de cestería, realizada por Chus Labrador Sequeiros e unha de elaboración de cabezudos por Marga Portomeñe. O día 8 de agosto será turno da cestería realizada pola artesá Carmen Fieiras xunto con Ramón Villar, que será o encargado de realizar a cantería.

En canto ao 22 de agosto voltará a cestería, desta vez, da man de Idioia Cuesta. Así mesmo, faranse unhas corozas de xunco por Álvaro M. Leiro. O día 29 de agosto será o turno da carpintería tradicional realizada por Ignacio Gómez. A xornada continuará cos artesáns Silleiro Tórdea e José Luís Castro que farán unha mostra de madeira e fibra.

Xa en setembro, o día 5, faranse dúas mostras de alfarería. Por unha beira, un obradoiro de barro -realizado por Susana González- e por outro, será o bautizo do torno, realizado por Antón Román. En canto ao 12 de setembro, realizaranse outras dúas mostras, de metal e madeira e de metal latoeiro, realizados por Jorge Román e Fernando Reboredo, respectivamente. Para finalizar ditas xornadas, o 19 de setembro, Elena Ferro realizará unha mostra de madeira e Alberto Uría de cerería.

0.089984178543091