Lugo acolle unha xornada de Cuestación organizada pola Asociación Española Contra o Cancro

LugoXa
O obxectivo é recadar fondos para mellorar os servizos gratuítos que a entidade ofrece ás persoas con cancro e ás súas familias
Mesa-cuestación-AECC-lugo
7 May 2025

O xoves 8 de maio, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) celebra a súa Cuestación na cidade de Lugo, unha xornada solidaria que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:00 horas co obxectivo de recadar fondos para mellorar os servizos gratuítos que a entidade ofrece ás persoas con cancro e ás súas familias.

Durante a mañá, máis de 150 persoas voluntarias sairán ás rúas de Lugo portando as xa recoñecibles huchas verdes, distribuídas en 23 mesas colocadas en distintos puntos da cidade. Esta acción busca fomentar a solidariedade cidadá e visibilizar a loita contra o cancro.

Ademais de colaborar de forma presencial, a AECC lembra que tamén se pode participar dixitalmente a través da ligazón mihucha.contraelcancer.es/campaigns/hucha-lugo ou enviando un BIZUM ao código 06492.

O presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Lugo destacou a importancia desta iniciativa afirmando: “Desde hai case sete décadas, o labor da Asociación contribuíu a aumentar a supervivencia fronte ao cancro e a atender as necesidades dos pacientes e das súas familias, sendo en moitas ocasións pioneira e punta de lanza na loita contra a enfermidade. Durante todo ese tempo, o apoio e contribución da sociedade coa Asociación foi fundamental. Un ano máis, este 8 de maio, en Lugo solicitamos ese apoio e compromiso á sociedade lucense. É necesario seguir impulsando a investigación oncolóxica e cubrir as necesidades clínicas e non clínicas dos pacientes con equidade, promovendo tamén a humanización dos tratamentos. A loita contra o cancro precisa do compromiso e impulso de todos”.

Con esta xornada solidaria, a AECC reforza o seu compromiso coa atención integral ás persoas afectadas por esta enfermidade e ao seu entorno, apostando por unha sociedade máis implicada, solidaria e comprometida coa investigación e o apoio humano.

⚙ Configurar cookies
0.18596506118774