Lugo acolle unhas xornadas de xadrez ao aire libre en catro prazas da cidade

LugoXa
A iniciativa do Concello desenvolverase entre o 12 e o 17 de xullo con exhibicións gratuítas e partidas simultáneas como antesala do I Open Internacional Fuxan os Ventos
festa-final-xadrez-lugo
10 Jul 2026

O Concello de Lugo impulsa a iniciativa 'Xornadas de Xadrez na rúa', unha proposta coa que catro prazas da cidade se converterán en escenarios de xogo ao aire libre durante a próxima semana. O obxectivo é dinamizar os espazos públicos, fomentar a práctica deste deporte e ofrecer ás familias unha alternativa de lecer durante o verán que contribúa á conciliación da vida laboral e familiar.

Esta campaña de promoción do xadrez compartirase co I Open Internacional Fuxan os Ventos, un torneo que converterá a Lugo nun dos principais referentes deste deporte en Galicia.

As actividades desenvolveranse en horario de mañá, entre as 12:00 e as 14:00 horas, en diferentes puntos da cidade. O programa arrancará o domingo 12 de xullo na Praza Maior, continuará o luns 13 na Praza do Camiño Primitivo KM 100, seguirá o mércores 15 na Praza da Milagrosa e rematará o venres 17 na Praza do Castiñeiro.

As xornadas incluirán exhibicións e partidas simultáneas abertas á cidadanía coa participación de mestres titulados, que compartirán taboleiro cos afeccionados locais para promover a convivencia e achegar o xadrez a persoas de todas as idades.

A participación será totalmente gratuíta, aínda que será preciso realizar unha reserva previa para garantir a organización das partidas. Cada sesión contará cun máximo de 24 participantes.

As persoas interesadas en tomar parte nas exhibicións deberán inscribirse chamando ao teléfono 657 974 937.

Desde o Concello destacan que o feito de organizar estas actividades en espazos públicos e contar con monitores especializados permitirá crear puntos de encontro seguros e educativos, facilitando ao mesmo tempo a conciliación das familias durante o período estival.

0.12855195999146