Lugo acollerá a 26ª edición do Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía

O Pazo de San Marcos será a sede da 26ª edición do Congreso Internacional de Xeriatría e Xerontoloxía, un foro de referencia no ámbito do envellecemento, que se celebrará os días 22 e 23 de maio.
Baixo o lema Vivir máis, vivir mellor: dignidade, dereitos e coidado na lonxevidade, o congreso reunirá a 70 relatores que intercambiarán coñecementos con profesionais e expertos do sector a través de talleres, mesas redondas e actividades de networking. Está aberto a profesionais sanitarios, investigadores en envellecemento e ciencias sociais, xestores e responsables de políticas públicas e servizos sociosanitarios, así como a todas as persoas interesadas nos procesos de envellecemento e nos modelos de atención integral.
O sábado 23, entre as 13:00 e as 14:00 horas, as políticas provinciais de apoio á poboación maior no medio rural, impulsadas pola Deputación de Lugo, protagonizarán unha das mesas redondas, ofrecendo unha oportunidade para difundir o modelo de residencias públicas de pequeno tamaño, asentadas no rural e centradas nas persoas.
O anuncio realizouse pola presidenta da Deputación, Carmela López, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, José María Faílde. López destacou que é un “recoñecemento ao traballo desenvolvido na atención ás persoas maiores e á prioridade das políticas de coidados”, subliñando que nunha provincia envellecida como Lugo, falar de lonxevidade “non é unha cuestión teórica: é unha prioridade política e social”. Engadiu que o verdadeiro desafío é garantir que esa vida máis longa se viva con dignidade, con dereitos asegurados e con servizos públicos adecuados.
A presidenta provincial incidiu na aposta por un modelo público e de proximidade, que permite ás persoas maiores permanecer preto das súas casas e da súa comunidade, lembrando que “os coidados son un dereito, non un privilexio nin un negocio” e que investir neles equivale a investir en cohesión social, igualdade e futuro do territorio. Neste senso, destacou que o congreso ofrecerá un espazo para debater cuestións como combater o idadismo, adaptar os servizos á realidade demográfica ou incorporar innovación sen perder o trato próximo.
Pola súa parte, Miguel Fernández sinalou que o reto maior é “non só vivir máis, senón vivir mellor” e recordou que Lugo conta con máis de 22.000 persoas maiores de 65 anos. Subliñou que os temas do congreso, desde o ocio activo ata a atención ao envellecemento saudable no rural, afectan directamente á cidade, e valorou a colaboración do Concello para fomentar programas sociais como Acompañámoste, Xantar na casa ou Axuda no Fogar, que garanten unha atención de calidade.