Lugo acollerá a asemblea xeral da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais

LugoXa
A Xunta colabora neste acto que permite “que máis de 200 persoas representantes do movemento veciñal de toda España se reúnan en Lugo para debater"
Reunión-Cogave-Xunta
19 Nov 2024

A asemblea xeral da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV) que se celebrará entre os días 22 e 24 de novembro, terá lugar na Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, reuniuse co presidente de Cogave, Fernando Rois, e coa vicesecretaria da CEAV e delegada da entidade en Galicia, María José Villamarín, para abordar a organización do evento.

Arias explicou que a Xunta colabora neste acto que permite “que máis de 200 persoas representantes do movemento veciñal de toda España se reúnan en Lugo para debater e contribuír a solucionar os problemas que preocupan á cidadanía”.

Os eixos centrais da asemblea serán a vivenda e as redes de transporte, asuntos que afectan directamente á calidade de vida das persoas. Ademais, presentaranse os informes de xestión da CEAV e darase entrada ás asociacións que demandaron a súa adscrición no último ano.

O evento comezará o venres 22, ás 19.30 horas, cunha recepción oficial aos representantes veciñais no Círculo das Artes. A xornada central desenvolverase o sábado na Delegación Territorial da Xunta, e contará coa participación de profesionais de distintos ámbitos, entre eles Rubén Sánchez, secretario xeral da organización de consumidores FACUA, e Marta Vall-llossèra Ferrán, presidenta do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España. Esta última será unha das persoas galardoadas na primeira edición dos Recoñecementos Veciñais, distincións que inaugurará a CEAV en Lugo, cunha celebración no restaurante A Fortaleza-Torre de Núñez. O encontro pecharase o domingo cun acto de clausura tamén na sede da Xunta.

No marco destas xornadas, a sala de exposicións da Delegación Territorial acollerá ademais a inauguración dunha exposición itinerante que amosará a actividade desenvolvida pola entidade veciñal desde a última asemblea nacional, celebrada en marzo do 2023 en Badalona.

0.20246887207031