Lugo acollerá a lectura pública dos finalistas dos Premios Mestre Mateo e un ciclo de proxeccións gratuítas

Os finalistas da nova edición dos Premios Mestre Mateo daranse a coñecer ás 11:30 horas do martes, 3 de febreiro, no Vello Cárcere de Lugo, nun acto que por primeira vez estará aberto ao público.
A lectura dos nomeados converterase así nun dos momentos máis destacados da programación previa á gala, considerada unha das citas máis esperadas do audiovisual galego.
O anuncio dos finalistas correrá a cargo do comunicador Juan Fuentes, coñecido polo programa Quen anda aí? e gañador dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicación, e da actriz Andrea Fernández, finalista nesta edición na categoría de mellor actriz polo seu traballo no filme As Neves.
Unha vez feito público o listado de finalistas, Lugo acollerá tamén un ciclo de proxeccións das longametraxes e documentais seleccionados. As sesións celebraranse nos Cines Códex, contarán coa presenza dos equipos das obras e serán de acceso gratuíto ata completar capacidade. As proxeccións están previstas para os días martes 10, mércores 11, mércores 18, xoves 19, martes 24 e mércores 25 de febreiro, así como para o martes 3 e o mércores 4 de marzo, todas elas ás 19 horas.
Os coloquios posteriores ás proxeccións estarán moderados pola guionista Clara Coira, quen acompañará aos equipos dos filmes nun encontro co público. Esta programación forma parte das actividades previas á gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o 21 de marzo en Lugo co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo.
Todas as actividades incluídas na programación dos XXIV Premios Mestre Mateo, organizadas pola Academia Galega do Audiovisual, serán gratuítas ata completar aforo.