Lugo acollerá máis de 50 atletas e especialistas nacionais na Semana Nacional do Deporte Antigo

LugoXa
“Durante esta semana, non só poderemos coñecer máis sobre a historia de Lugo, senón que tamén haberá a oportunidade de practicar estes deportes dunha maneira rigorosa ás súas orixes”
deporte-antigo-Lugo
13 Nov 2024

A Semana Nacional do Deporte Antigo abre o xoves as súas portas en Lugo cunha proposta cultural que se desenvolverá ata o 23 de novembro, e que concentrará a máis de cincuenta atletas e especialistas de toda España.

Organizado pola Área de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, xunto coa asociación Lucius Spiculus Divulgación, o evento propón “unha programación diversa, con conferencias, exhibicións e competicións abertas a todos os públicos, que permitirán descubrir as orixes do deporte pero tamén achegar o patrimonio e a historia da cidade, desde outra perspectiva”, explica o edil de Xuventude, Jorge Bustos.

Este evento é unha cita máis que consolidada no panorama nacional que por primeira vez chega a Lugo, “ofrecendo unha viaxe ao pasado e achegando a riqueza do patrimonio histórico ás novas xeracións, con propostas e actividades dirixidas tanto a especialistas como ao público xeral”, indica o concelleiro encargado da preparación deste evento.

Jorge Bustos considera que grazas a esta iniciativa “durante esta semana, non só poderemos coñecer máis sobre a historia de Lugo, senón que tamén se brindará a oportunidade de practicar estes deportes dunha maneira rigorosa ás súas orixes”. O edil responsable desta área apuntou ademais que “o traballo destes poñentes e expertos foi fundamental para achegarnos a unha recreación fiel e enriquecedora, polo que a súa presenza en Lugo será unha gran oportunidade para seguir aprendendo sobre as nosas raíces”.

Relatores de alto nivel e actividades

Para aportar esa visión rigorosa e experta nestes temas, entre os relatores destacan Alfonso Mañas, Doutor en Historia do Deporte, experto en gladiatura, investigador da Universidade de Berkeley e membro do Consello Editorial de The International Journal of the History of Sport.; Juan Tranche, editor e divulgador sobre a Antiga Roma e autor da novela Spiculus; Fernando Barriales, recreador histórico especializado en gladiatura e creador de musealizacións; e Javier Romay, fundador de Lucius Spiculus Divulgación e especialista en deportes antigos. Cada un deles xogará un papel importante nos ciclos de conferencias, que se desenvolverán ao longo dunha semana, e que permitirán un maior enriquecemento da historia e das orixes da cidade de Lugo.

Entre as actividades máis destacadas desta semana, inclúese o V adestramento nacional de gladiatura, que en edicións anteriores acolleron cidades como Tarragona e Madrid. Os adestramentos, abertos ao público, permitirán observar de preto as técnicas e prácticas destes antigos combates. Ademais, o vindeiro día 23 celebraranse os Xogos Panhelénicos no Campo Municipal de As Pedreiras, onde o público poderá experimentar disciplinas deportivas da antigüidade e presenciar unha competición de nivel nacional.

Lucius Spiculus Divulgación, que coorganiza estas xornadas, traballa desde a súa fundación en 2020 para recrear e dar a coñecer o deporte da antigüidade cun rigor e compromiso que os levaron a participar en eventos tanto nacionais como internacionais.

Colaboradores habituais do Arde Lucus, esta asociación tamén tivo presencia en encontros de renome en cidades como Mérida, Turín e Roma, posicionándose como unha referencia na divulgación e práctica da gladiatura e outras disciplinas antigas.

⚙ Configurar cookies
0.62179398536682