Lugo acollerá a VII edición de “Lugo en marcha contra o cancro” o 25 de abril

Lugo volverá a converterse nun escenario deportivo e solidario coa celebración da VII edición de “Lugo en marcha contra o cancro”, unha actividade lúdico-deportiva aberta a toda a poboación e organizada pola Asociación Española Contra el Cáncer.
O evento contará cunha andaina polo adarve da Muralla de Lugo, ademais dunha carreira de 5 quilómetros destinada a persoas adultas e unha proba específica para nenos e nenas, co obxectivo de fomentar a participación interxeracional nunha xornada marcada polo deporte e a solidariedade.
A cita está fixada para o sábado 25 de abril ás 18.00 horas, tendo como punto de saída a Praza da Horta do Seminario, que se converterá no epicentro dunha tarde na que se espera unha ampla participación cidadá.
“Lugo en marcha contra o cancro” consolídase así como unha das iniciativas solidarias máis destacadas da cidade, combinando actividade física, sensibilización e apoio á loita contra a enfermidade.