Lugo acollerá a VII edición de 'Lugo en marcha contra o cancro' o 25 de abril

Lugo volverá a converterse nun escenario deportivo e solidario coa celebración da VII edición de 'Lugo en marcha contra o cancro', unha actividade lúdico-deportiva aberta a toda a poboación e organizada pola Asociación Española Contra el Cáncer.
O evento contará cunha andaina polo adarve da Muralla de Lugo, ademais dunha carreira de 5 quilómetros destinada a persoas adultas e unha proba específica para nenos e nenas, co obxectivo de fomentar a participación interxeracional nunha xornada marcada polo deporte e a solidariedade.
A cita está fixada para o sábado 25 de abril ás 18.00 horas, tendo como punto de saída a Praza da Horta do Seminario, que se converterá no epicentro dunha tarde na que se espera unha ampla participación cidadá.
“Lugo en marcha contra o cancro” ten o obxectivo de recadar fondos para seguir axudando a mellorar a vida das persoas con cancro e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, así como para impulsar a investigación oncolóxica.
O delegado territorial da Xunta en Lugo abordou nun encontro co presidente e a xerente da Asociación Española Contra o Cancro en Lugo, José Manuel Rozas e Ana Belén Irimia, a organización do IV Congreso galego de persoas con cancro e familiares, que se celebrará en Lugo a finais de ano.
O delegado territorial gabou o “encomiable labor” da agrupación lucense “no ámbito da sensibilización e no apoio ás persoas enfermas e as súas familias”, e sinalou que “desde o Goberno galego seguiremos prestando a nosa colaboración, ao tempo que continuamos dotando á sanidade pública das mellores ferramentas de prevención, diagnóstico e tratamento do cancro”.
Nese sentido, lembrou que a Xunta realiza fortes investimentos en equipamento de alta tecnoloxía para combater a enfermidade. Por outra banda, destacou que a sanidade pública galega é pioneira na introdución e extensión de cribados poboacionais de diferentes tipos de cancro, como o colorrectal, o de mama e o de cérvix.