Lugo acollerá de novo o Gran Premio de España de Motocross

Lugo volverá situarse no mapa internacional do motociclismo coa celebración do Gran Premio de España de Motocross, que terá lugar os días 10 e 11 de maio no circuíto Jorge Prado.
O evento, puntuable para o Campionato Mundial de Motocross MXGP, conta coa Xunta de Galicia como principal patrocinador local e supón un importante impulso económico para a provincia, cun impacto estimado de 4 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou durante a presentación do balance económico da edición pasada que "se trata dun investimento en deporte que ten un gran impacto na economía local, tanto directo como indirecto, debido á cantidade de persoas que move e á súa proxección mediática". Arias tamén lembrou que a proba foi galardoada en 2023 co Premio MXGP á mellor promoción.
Na presentación, celebrada na Delegación Territorial da Xunta, participaron tamén Diego Muñoz, representante da empresa organizadora Last Lap; Miguel Ángel Vázquez e Martín Pérez, presidente e secretario de Motopark Lugo; e a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Elena Candia.
Segundo estudos realizados por MXGP e o grupo Nielsen, o impacto económico calcúlase en base ao gasto dos visitantes —participantes, equipos, xornalistas, patrocinadores e público xeral— en aloxamento, restauración, transporte, compras e lecer. Tamén se inclúe o consumo dos propios organizadores, maioritariamente en empresas locais.
Durante a semana do evento, preto de 2.000 persoas convivirán no paddock do circuíto, entre elas pilotos, mecánicos e persoal de apoio, acompañados de máis de 80 camións tráiler, decenas de caravanas e centenares de vehículos. A pasada edición rexistrou un cheo absoluto nos establecementos hoteleiros da zona, e para este ano xa se está complicando atopar aloxamento dispoñible.
Proxección internacional e perfil do público
O impacto mediático do Gran Premio de España tamén é un dos grandes atractivos da proba. A televisión oficial do campionato, MXGP-TV, emite en directo as 11 mangas do Mundial a través de satélite a máis de 60 países nos cinco continentes, incluíndo Estados Unidos, Canadá, México, Brasil, Australia, India ou Indonesia. Canais como CBS, Fox Sport, RAI, TNT ou L’Equipe retransmiten o evento, mentres que en España os dereitos pertencen á Televisión de Galicia (TVG).
Ademais, os datos dos estudos presentados detallan o perfil do espectador: o 55% ten menos de 34 anos, o 69% son homes, o 73% posúe moto propia e o 50% practica motocross. O 71% dos asistentes permanece dúas noites na zona, o que reforza o impacto positivo en hostalería e turismo.
Con estes datos, o Gran Premio de España en Lugo consolídase como un dos eventos deportivos máis relevantes do calendario galego, cunha proxección internacional que promove tanto o deporte como a economía local e a imaxe da provincia a nivel global.