Lugo acollerá dúas funcións do espectáculo Reinventio no auditorio Fuxan os Ventos

LugoXa
A produción galega combina maxia, danza e circo nun relato visual sobre a capacidade de reinventarse
Presentacion-Reinventio-Lugo
19 Dec 2025

Lugo acollerá o próximo 27 de decembro dúas representacións de Reinventio, un espectáculo galego de gran formato que mestura maxia, danza e artes circenses nunha proposta visual centrada na recuperación da ilusión e na capacidade de reinventarse. As funcións celebraranse no auditorio Fuxan os Ventos, cun primeiro pase ás 18:00 horas e un segundo ás 20:30 horas.

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación destas dúas representacións, que contan co patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia. No acto participaron o delegado territorial, Javier Arias; o ilusionista ferrolán Martín Varela, creador da obra; e o artista portugués Andrew Noronha, un dos intérpretes do espectáculo, vinculado ao mundo do circo dende os dous anos.

Reinventio é unha produción concibida e creada en Galicia baixo a dirección artística de Martín Varela e da coreógrafa Mercedes Suárez, fundadora de Druida Danza. O espectáculo conta cun elenco de artistas galegos e internacionais que combinan números de danza, circo e maxia nunha posta en escena de gran formato.

A narración segue a historia dun mago que perdeu a súa ilusión e inicia unha viaxe polos seus soños e pesadelos coa intención de recuperala. Ao longo dos seus 90 minutos de duración, a obra constrúe un percorrido simbólico que conecta co espírito do Camiño de Santiago, entendido como tránsito, procura persoal e capacidade de transformación.

A produción chega avalada polo éxito acadado por Inventio, un espectáculo impulsado no marco do Xacobeo que serviu de base para esta nova creación.

⚙ Configurar cookies
0.066411018371582