Lugo acollerá en 2026 a gala dos Premios Mestre Mateo

Os Premios Mestre Mateo, que distinguen cada ano as mellores producións e profesionais do audiovisual galego, celebraranse por primeira vez en Lugo no 2026.
O Auditorio Fuxan Os Ventos, que será o escenario da XXIV Gala o vindeiro 21 de marzo, nun acto no que participaron a deputada de Cultura Iria Castro, a concelleira de Cultura Maite Ferreiro e a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga. A organización conta co respaldo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello.
A celebración supón saldar unha débeda histórica coa cidade, a única das sete urbes galegas que ata o momento non acollera a cita máis relevante do audiovisual galego. Iria Castro agradeceu á Academia a súa disposición e salientou o compromiso económico e político das institucións lucenses para traer a gala á cidade. A deputada reivindicou o papel de Lugo como centro de creatividade e talento, a pesar de estar afastado das principais vías de comunicación, e asegurou que a provincia merece ser a casa dos Mestre Mateo por mérito propio.
A concelleira Maite Ferreiro destacou que, ademais de recoñecer aos profesionais lucenses do sector, a celebración coincide coa Semana de Cine de Lugo, que chega á súa 47ª edición. Subliñou tamén que a aposta pola cultura galega e polo talento local forma parte dun compromiso transversal do Concello.
Durante a rolda de prensa detallouse o calendario ata a gala: en outubro abrirase o prazo de candidaturas, a finais de xaneiro daranse a coñecer as finalistas, e entre febreiro e marzo anunciarase o premio de honra e terá lugar a tradicional xuntanza de finalistas. Ademais, Lugo acollerá múltiples actividades previas para achegar o audiovisual á cidadanía, convertendo á cidade e á provincia no epicentro do sector durante os vindeiros meses.