Lugo acollerá en febreiro de 2026 a V edición do torneo estatal de futbolín “Maestros del Norte”

Lugo converterase de novo nun dos epicentros estatais do futbolín coa celebración da quinta edición do torneo “Maestros del Norte”, que terá lugar a fin de semana do 21 e 22 de febreiro de 2026 no soto da Praza de Abastos.
Para a vindeira edición, a organización estima a participación de máis de 600 xogadores, o que converterá o recinto nun punto de encontro clave para os amantes do futbolín. O torneo, ademais de fomentar a práctica deste xogo inventado por Alexandre de Fisterra, contribúe a dinamizar a cidade e a súa economía, potenciando sectores como a hostalaría e o hoteleiro.
A concelleira de Participación, Cristina López, acompañada pola edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, presentou o evento e destacou que “repetimos un ano máis un torneo xa consolidado no calendario estatal do futbolín e na programación da cidade de Lugo, ao mesmo tempo que continuamos a aumentar a oferta de actividades na Praza e no Mercado, achegando unha nova proposta de lecer”.
López subliñou tamén que “este torneo promociona a cidade de Lugo e potencia sectores como a hostalaría e o hoteleiro, ao achegar á cidade a centos de persoas chegadas desde todo o Estado”, e engadiu que “seguimos avanzando desde a Tenencia de Alcaldía nun Lugo cun gran potencial turístico desestacionalizado”.
A organización do torneo conta coa colaboración da Tenencia de Alcaldía e da Asociación Lucense de Futbolín, creada en 2018 co obxectivo de promover e dar visibilidade a este deporte.