Lugo acollerá o 36 Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría

LugoXa
O encontro reunirá os días 22 e 23 de maio a preto de 70 relatores para abordar cuestións relacionadas co envellecemento saudable e os coidados ás persoas maiores
Congreso-Xeriatría-Lugo-26
19 May 2026

O Concello de Lugo colaborará na organización do 36 Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, que se celebrará na cidade os próximos 22 e 23 de maio e reunirá a preto de 70 relatores especializados en diferentes ámbitos vinculados ao envellecemento e aos coidados das persoas maiores.

O apoio institucional ao encontro foi trasladado durante a reunión mantida polo concelleiro de Política Social, Maiores e Migración, Gustavo Díaz, e a concelleira de Muller e Conciliación, Aurora Goás, co presidente da SGXX, José María Faílde, e co vicepresidente da entidade, José Ramón Martínez.

Durante dúas xornadas, o congreso internacional abordará cuestións relacionadas co envellecemento saudable, os modelos de atención centrados na persoa, a ética dos coidados, a coordinación sociosanitaria e a realidade das persoas maiores no ámbito rural.

O programa incluirá tamén relatorios centrados en aspectos clínicos vinculados á saúde das persoas maiores, entre eles cuestións relacionadas coas vacinas, a odontoloxía, a hipoacusia, as demencias, a fraxilidade ou os últimos estudos sobre microbiota e envellecemento saudable.

A fisioterapia e a enfermaría xeriátrica contarán igualmente cun espazo específico dentro do encontro, no que tamén se analizará o papel das novas tecnoloxías e da intelixencia artificial na mellora da calidade de vida e da funcionalidade das persoas maiores.

Desde o Concello de Lugo destacaron a importancia de que a cidade acolla encontros científicos e profesionais deste nivel, ao considerar que contribúen a consolidar Lugo como un referente en ámbitos relacionados co benestar, os coidados e o envellecemento activo.

0.12104821205139