Lugo acollerá o I Torneo Benéfico de Mus a favor da Asociación Capaces

O Hotel Méndez Núñez de Lugo será o escenario o vindeiro domingo 6 de setembro do I Torneo Benéfico de Mus Concello de Lugo, unha iniciativa solidaria que destinará toda a recadación á Asociación Capaces.
O torneo dará comezo ás 10.00 horas e contará cunha cota de inscrición de 30 euros por parella. A cita está organizada por Lugo Museiros, a Federación Galega de Mus, Gaudeamus e o Concello de Lugo, que unen esforzos para apoiar o labor que desenvolve a Asociación Capaces coas persoas con diversidade funcional e as súas familias.
A competición estruturarase en dous cadros, Torneo A e Torneo B, e repartirá diferentes premios entre os participantes. Entre eles figuran unha invitación para participar no Máster Nacional de Mus, dúas prazas para o Campionato Galego, seis clasificacións para o Premáster, ademais de produtos da empresa Torre de Núñez e trofeos conmemorativos.
Os organizadores animan á participación nesta primeira edición, que combinará deporte, lecer e solidariedade nunha xornada que busca recadar fondos para unha entidade de referencia na cidade de Lugo.