Lugo acollerá o II Encontro de Corais Universitarias Senior de Galicia este sábado

GaliciaXa | LugoXa
O Auditorio da Facultade de Veterinaria reunirá cinco formacións corais procedentes de Lugo, Ferrol, A Coruña e Vigo nunha xornada dedicada á música e á convivencia
entrada-Facultade-de-Veterinaria
6 Nov 2026

Lugo converterase o vindeiro sábado 7 de novembro no punto de encontro da música coral universitaria coa celebración do II Encontro de Corais Universitarias Senior de Galicia, que terá lugar ás 17.00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.

A cita reunirá cinco agrupacións: o Coro Senior do Campus de Ferrol, o Coro Adayeus da Coruña, o Coro Senior Campus de Vigo, a Coral Lucus Terra de Lugo e, como formación convidada, o Coro Cantares do Brión.

O encontro nace coa vontade de promover a música coral, favorecer o intercambio de experiencias entre as agrupacións universitarias senior galegas e crear un espazo de convivencia arredor da cultura e da música.

Esta segunda edición dá continuidade a unha iniciativa que pon en valor a participación das persoas maiores na vida cultural e universitaria, así como o papel da música como ferramenta de encontro, integración e enriquecemento persoal.

O evento está organizado pola Federación Galega de Asociacións Universitarias Senior (Fegaus) e a Asociación de Estudantado do Cuarto Ciclo da USC Lugo, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación de Lugo e outras entidades universitarias.

A xornada será unha oportunidade para gozar do traballo das distintas formacións corais e para reforzar os vínculos entre os campus galegos a través dunha afección compartida: o canto.

0.14102697372437