Lugo acollerá o XV Taller de Nutrición en pacientes con enfermidade renal crónica os días 10 e 11 de abril

GaliciaXa | LugoXa
O Vello Cárcere será a sede dun encontro de ámbito estatal dirixido polo doutor Secundino Cigarrán e avalado pola Sociedade Española de Nefroloxía
O-Vello-Cárcere-fachada
11 Feb 2026

Lugo foi a cidade elixida para a celebración do XV Taller de Nutrición en pacientes con enfermidade renal crónica, que terá lugar os días 10 e 11 de abril en O Vello Cárcere. O encontro estará dirixido polo doutor Secundino Cigarrán, do Hospital Ribera Polusa de Lugo, e conta co aval científico da Sociedade Española de Nefroloxía.

Este taller, de carácter estatal, reunirá destacados especialistas en nefroloxía, investigación e nutrición. Entre os relatorios previstos figura o do doutor Aleix Cases Amenós, do Servizo de Nefroloxía do Hospital Clínic Universitari de Barcelona, que abordará a importancia da microbiota na nutrición do paciente renal. Pola súa banda, a doutora María Luisa González Casaus, da Unidade de Metabolismo Mineral e Análises Clínicas do Hospital Universitario La Paz de Madrid, falará sobre a dieta axeitada para suplementar vitamina D.

Tamén intervirá a doutora Carolina Gracia Iguacel, do Servizo de Nefroloxía do Hospital Fundación Jiménez Díaz de Madrid, quen analizará a situación nutricional do paciente renal. A doutora Minerva Rodríguez, da Unidade de Xestión Clínica de Nefroloxía do Hospital Universitario Central de Asturias, centrará a súa exposición na dieta, vitaminas e minerais na enfermidade renal.

O programa complétase coa participación de recoñecidas figuras da nefroloxía galega. Ademais do doutor Secundino Cigarrán, que impartirá un taller sobre a importancia da fibra na dieta, estarán presentes o doutor Juan LaTorre Catalá, nutricionista do Hospital da Costa de Burela; a doutora Mª Ángeles Romero Rodríguez, catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da Facultade de Ciencias da USC; o doutor Diego Bellido, do Servizo de Endocrinoloxía do CHUF; e a doutora Ana Mª Sanjurjo Amado, da Unidade ACERCA do Hospital da Costa de Burela.

⚙ Configurar cookies
0.080750942230225