Lugo acollerá un programa de inclusión laboral para mulleres con discapacidade impulsado por ACADAR

A ACADAR porá en marcha en Lugo unha nova edición do seu Servizo de Inclusión e Transición ao Emprego, un programa dirixido a apoiar a mulleres con discapacidade na procura de emprego e na mellora da súa autonomía persoal e laboral. A iniciativa conta co apoio de COGAMI.
As actividades desenvolveranse os días 27, 28 e 29 de maio no Centro Cívico Uxío Novoneyra en horario de 10 a 13 horas.
O programa nace co obxectivo de dar resposta ás dificultades que moitas mulleres con discapacidade atopan á hora de acceder e manter un posto de traballo, ofrecendo ferramentas e acompañamento personalizado para mellorar a súa empregabilidade.
Entre as accións previstas inclúense entrevistas individuais e itinerarios personalizados orientados a traballar habilidades persoais, sociais e laborais. Ademais, a iniciativa prestará especial atención ao uso das novas tecnoloxías como recurso para favorecer tanto a autonomía como as oportunidades de acceso ao mercado laboral.
Durante as tres xornadas tamén se desenvolverán obradoiros grupais destinados a fomentar a participación, o intercambio de experiencias e o fortalecemento das competencias das participantes.