Lugo acollerá unha noite coral itinerante con concertos o 4 de xullo

LugoXa
A VIII edición da Noite Coral Lucense reunirá diferentes agrupacións vocais nun percorrido musical que rematará cunha actuación conxunta na catedral
Noite-Coral-Lucense-22
19 Jun 2026

O casco histórico de Lugo converterase o 4 de xullo nun escenario musical coa celebración da VIII Noite Coral Lucense, unha proposta cultural promovida pola Diocese de Lugo que combina concertos e itinerancia por distintos espazos relixiosos da cidade.

A xornada arrancará ás 20.30 horas na Igrexa de San Pedro, onde o Orfeón Lucense abrirá o programa baixo a dirección de Sara Pérez Cruz. Xa ás 21.00 horas, a música trasladarase á Igrexa de San Froilán coa actuación do Gruppo Vocale S. Bernardo, que interpretará pezas de Palestrina, Rheinberger e Luis de Victoria.

Posteriormente, ás 21.30 horas, será a quenda de Carminis Habitus na Igrexa de Santiago A Nova, mentres que ás 22.00 horas a Igrexa dos Franciscanos acollerá o concerto de Solo Voces, dirixido por Fernando G. Jácome.

O peche da noite terá lugar ás 22.30 horas na Catedral de Santa María de Lugo, onde todos os coros participantes, xunto a Concencus Lucensis, unirán as súas voces nunha interpretación final conxunta dunha obra sacra.

0.13778209686279